Pois si. Zarpei o Xoves sobre as 8 da manhán de Beluso con pouco vento que foi aumentando a medida que ía saindo. Tiven unha boa ración de motor logo ate a Ría de Muros, pasada ésta o vento volveu en forma de brisa de SW refrescando e rolando a W primeiro e NW despois quedándose a altura do Cabo da Nave (na foto) e entrando un neboeiro que me fixo parar unhas horas en Camarinhas a onde cheguei algo antes das 8 da tarde. Coleime de rondón nun pantalán cun viveiro de algo que nom me molestei en saber de qué era. Dorminme, despois de cenar dúas caballas que pescara, ata as 5 da manhán do venres. Seguía o neboeiro e a falla de vento no entorno do Cabo Vilán, cando o doblei pescara outras dúas gordas caballas pra onte pola noite. Levantouse o vento de Norte flouxo a altura de Corme-Laxe, loiteino sen dificultade, ainda que lento porque tinha posto en proa o foque de moito vento en previsión da furia de vento que sempre atopo ó doblar Sisargas. Pero nom, esta vez foi suave, aumentando a medida que avanzaba a tarde, levantando o neboeiro e favorecéndome de través ata chegar onde me atopo case en linha recta nun percorrido dunhas 30 millas dende Sisargas ata Redes, na Ría de Ares, pasando de longo a bocana da Ría da Corunha. Escribo esta actualización dende unha cafetería en Ares, vinhen caminhando dende Redes onde tenho o barco abarloado a outro (costume ésta"marca de la casa", xa sabedes).
Tenho pensado na madrugada do domingo ó luns ir saindo cara o Norte do País, cunha predición boa de ventos. Apertas!!
Nenhum comentário:
Postar um comentário